Monday, December 25, 2006

Dolmen



Dolmen, unha miniserie de 6 capítulos de hora e media cada un que foi un auténtico revulsivo para a TF1 cando se emitiu durante o verán do 2005, chegando a obter máis do 50% de audiencia. Non é que sexa unha serie marabillosa, nin saen grandes estrelas nin o guión é un prodixio da escrita, pero Dolmen resulta ser unha serie moi digna, dunha factura incrible para ter condición de modesta, que cumpre plenamente cos seus obxectivos: entreter, manterte en tensión e meter un pouquichiño de medo.


A serie é unha mestura, non a partes iguais, entre Mareas Vivas, Twin Peaks despois de saber quen matara a Laura Palmer e as novelas de aventuras de Enyd Blyton. Comeza coa chegada dunha rapariga, policía de profesión e cuns pezóns marcados que foron durante o primeiro capítulo como un protagonista máis, á súa illa natal para casar cun mariñeiro. A voda non se chega a celebrar, pois un dos seus irmáns morre en estranas circunstancias. Horas despois un dolmen comeza a pingar sangue do finado. A rapariga e os pezóns comezan a investigar e, todo é un, os segredos máis escuros dos habitantes da illa empezan a saír á luz.


Os misterios están habilmente dosificados para manter ao espectador enganchado e que sospeite de case calquera protagonista. E logo, resulta que Dolmen é unha serie que encaixa ao 100% en Galicia, pois asistimos á vida dun pobo mariño, cunha estrutura social propia dunha obra de Otero Pedrayo, con familias enfrontadas, con clans pechados, cuns veciños que pescan durante o día e pasan as tardiñas na tasca, que cren cegamente nas crenzas e tradicións máis ancestrais, que viven en preciosas casas de pedra e suntuosos pazos... pero todo isto contado desde unha óptica moderna e renovada, nada do enxebre polo enxebre e tiro porque me toca.
Por fin, todo un pequeno grande acerto da canle galega, tan escasa de series deste tipo e sen medios para facer algo semellante con produción propia.

1 comment:

Anonymous said...

La vi cuando la pusieron en no sé qué canal.
Me gustó, pero me fue muy fácil adivinar lo que iba a pasar... Me equivoqué en pocas cosas.