Superviventes: Perdidos nas Cíes
Un grupo ao límite das súas posibilidades.
Un paraíso en condicións extremas.
Sen posibilidade de hixiene.
Sen comunicación co exterior.
Sen TVG.
Sen alcohol.
Sen gas.
Sen graxas monosaturadas.
10 persoeiros da sociedade galega abandonados á súa sorte nas illas Cíes. Terán que sobrevivir a furiosas gaivotas esfameadas, a pegañentos pequenos restos de chapapote, aos prezos desorbitados do camping e a varios centos de perigos descoñecidos máis. Pero aínda peor... terán que sobrevivir a si mesmos!!!
Velaquí a presentación dos membros dos dous equipos que estarán separados ata a reunificación:
Equipo Norte (illa Monte Agudo)
Xacobe Pérez Un dos ppoucos ppolíticos que recoñece abertamente ser tamén humorista. Leva con fachenda o seu saque, e non precisamente o de fúbtol. O que máis lle atrae da illa: degustar gaivota ao espeto. Obxecto persoal: un mandil de Bo proveito con Xacobe.
María Monsonis Saberá como manexarse entre tanta fera xa que é nai de 5 fillos. Cantará na illa?: claro, pero sempre que alguén se poña por diante dela para tapala. Obxecto persoal: unha reprodución a tamaño natural (é dicir, pequena) de Teo Cardalda.
Jaureguizar Escritor bravú, xornalista e polemicólogo en potencia. Espera non coincidir na illa con Xosé Carlos Caneiro. Botará de menos: escribir na súa blog. Obxecto persoal: un libro de Caneiro, como arma defensiva.
Mercedes Peón Co seu paso por Luar conseguiu curtirse para o futuro. Dálle unha lata de Pepsi light e é capaz de tocar con ela algo de Led Zeppelin. Últimas palabras antes de viaxar á illa: Isueeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeé. Obxecto persoal: un sacho.
Xesús Pérez Varela Nunca estivera tan aburrido como desde hai un ano. Está convencido de que o enviarán á Toxa, e non ás Cíes. O que máis botará de menos: a Radio Galega. Obxecto persoal: un cd de Carmiña Burana.
Equipo Sur (illa San Martiño)
Yolanda Castaño Prímula sílfide esdrúxula e onírica. Poemiza a realidade e erotiza a pantalla. Pode servirlle de axuda: é moi camaleónica, elástica e outros moitos adxectivos esdrúxulos. Obxecto persoal: un dicionario, de referencia, claro.
Valery Karpin Agora que xa non lle pega patadas nin ao balón nin ao galego, promociona ao equipo idem de ciclismo.
Que busca con esta experiencia?: terreos urbanizables na illa. Obxecto persoal: un bote de gomina.
O Atilano Estrela kistch da TVG en horas baixas, non sabe vivir sen estar arrodeado de azafatas do Supermartes. O único concursante con protección solar incorporada. Non lle ten medo: á morte. Obxecto persoal: unha trompeta de xoguete.
Ana Kiro Apuntouse axiña ao proxecto, pois era o único formato televisivo que lle quedaba por practicar. Ademais, é a oportunidade de caer máis baixo aínda que con A miña sogra máis eu (ou como se chamara...). O peor da illa: non haberá fans. Obxecto persoal: unha bolsa de patacas da terra.
Karina Fálagan Empresaria e política visionaria, pois foi a iniciadora da cutre jet set galega que nunca chegou a eclosionar. Por ela, Vigo sería agora Marbella. Botará de menos: ao seu can. Obxecto persoal: uns prismáticos para non perder de vista o seu bar.
Vota e bota aos teus non favoritos!
Para seguir a emocionante serie aquí
No comments:
Post a Comment