Thursday, April 02, 2009

Deisexe insultar por Clint Eastwood

Gran Torino


ESTOU mascando o mesmo chicle co que entrei na sala 1 do cine. En ningún momento da película son consciente de ter un chicle na boca; en ningún momento da película son consciente de cantos humanos estamos na sala; en ningún momento da película son consciente da época do ano en que vivimos; en ningún momento son consciente de que é unha película, porque non é unha película, é cine. Veño de ver a Clint Eastwood.

Cando saian de ver Gran Torino, andarán máis despacio, non o dubiden. Fíxense ben e comprobarán que dan pasos máis lentos e máis curtos. Comprobarán tamén que levan a cabeza un chisco máis alta e, cando se acostumen a esa nova forma de deslizarse pólas beirarrúas, daranse de conta de que son un pouco máis sabios, porque se ves a Eastwood eres máis sabio, se ves Gran Torino eres máis sabio.

O vello mestre encarna a un personaxe que nos debería caer mal durante a primeira media hora da cinta. Pero el mesmo se encarga de que nos poñamos da súa parte dende o primeiro plano. A súa cara, a súa expresión nese plano é chave para ganarse o noso cariño. Seguramente Clint sempre ten esa cara de, “eu si que sei e ti non sabes nada”, pero se eu “non sei”, gustaríame que o que sabe sexa el. Se algún americano me ten que dicir: “Que imbécil eres!”, que sexa él.

Clint Eastwood unha vez máis mira no máis profundo sentir da sociedade americana, ausculta nas mesmísimas entrañas os seus compatriotas, sácalles os defectos por tódolos poros da súa branca pel, e, de paso, chámanos a todos “racistas de merda”. A min concretamente chámamo en dúas ocasións en que fai arrastrar as bágoas pola miña cara de blanquito.

Por favor, vaian ó cine e déixense insultar polo gran Clint Eastwood; déixense empapar pola marabillosa última canción dos créditos e tiren á papeleira o chicle que non recordaban ter na boca.

Roberto Vilar

No comments: